Thursday 02 de May de 2024

A Pobra acollerá no 13 de abril dous actos de memoria histórica


A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza pon en marcha unha programación para conmemora-lo Día da República cunha serie de actos que buscan dignifica-la memoria de tódalas persoas que loitaron pola defensa dos principios democráticos. Trátase dunha serie de actividades que se enmarcan na liña de traballo habitual da entidade, fundada no ano 2012, segundo explicaron o seu presidente, Carlos Cimadevila, e o secretario, Néstor Sieira.

A Pobra do Caramiñal e Lousame son os dous municipios nos cales se desenvolverán estas accións de memoria histórica en que colaboran ámbalas dúas administracións locais.

No caso concreto da Pobra do Caramiñal, a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, anunciou que no sábado 13 haberá dúas citas. A primeira será a inauguración dun panel informativo no campo de concentración do Pozo, na Lomba, ás 19.00 horas, para divulgar entre a veciñanza a memoria do lugar. Procederase tamén coa colocación dun arranxo floral e coa colaboración musical de Bernal Muíños. Deseguido, ás 20.00 horas, o Auditorio do Museo Valle-Inclán acollerá a presentación do caderno Campos de concentración. Muros, A Pobra e Rianxo, ademais do nomeamento de Xesús Redondo Abuín como Republicano de Honra 2024. Contarase coas intervencións do alcalde, José Carlos Vidal; da edil, Patricia Lojo; do escritor Xesús Alonso Montero; do historiador Xesús Santos; e da ilustradora Lola Pardo. O grupo Barahúnda encargarase de amenizar musicalmente esta parte da tarde.

Lojo destacou o compromiso do Concello no referido á memoria histórica, motivo polo cal se apostou por manter no organigrama deste mandato unha concellaría dedicada exclusivamente a esta materia, con relación á cal afirmou que “se seguirá traballando arreo, pois queda moito por avanzar.”

Xa no propio domingo 14 terán lugar os actos en Lousame, cunha ofrenda floral no Confurco, ás 12.00 horas, e deseguido un xantar de confraternidade no restaurante Bahía, en Boiro.